Tuesday 23 de April de 2024

Bergondo conmemora as Letras Galegas con actividades para escolares e público en xeral


● Contacontos, obradoiros, lecturas e teatro para conmemorar ao homenaxeado, Florencio Delgado Gurriarán.

● A tradicional ofrenda floral terá lugar o propio 17 de maio, día das Letras Galegas, ás 12 horas na Senra.

O Concello de Bergondo conmemorará as Letras Galegas 2022, dedicadas a Florencio Delgado Gurriarán, cunha programación de actividades e actos orientadas á difundir a vida e obra do homenaxeado á comunidade escolar e ao público en xeral.

A primeira das actividades dirixida a escolares terá lugar o xoves 12 de maio, cos contos de Pablísimo ‘Príncipas e princesos’ para 1º, 2º e 3º de primaria. O venres 13 de maio Sole Felloza interpretará para o alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria o seu espectáculo ‘Vendimando versos’ de versos e crónicas ao redor da obra de Florencio Delgado Gurriarán e, ese mesmo día, os rapaces e rapazas de secundaria participarán no obradoiro de creación plástica ‘Debuxar textos e ler debuxos con Florencio Delgado’, de Costa Oeste.

Xa o sábado, 14 de maio, A Senra acollerá un contacontos dirixido a nenos e nenas de entre 1 e 3 anos. Ademais, o mércores 18 de maio, de 19 a 20 horas e con conexión a través da plataforma Google Meet’, realizarase a segunda sesión do club de lectura ‘Bergondo en Liña’ titulada ‘Temos unha historia que contar’.

A última das actividades programadas será o sábado 21 de maio ás 12 horas, coa representación na Senra da obra de teatro ‘Coser e contar’ de Marta Ortiz, dirixida a un público familiar.

XIII Ofrenda floral

O propio Día das Letras Galegas, o martes 17 de maio, terá lugar a XIII ofrenda floral. Este acto tradicional, que levará a cabo a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, terá lugar ás 12 horas na Senra e, previamente, haberá unha actuación de ‘Gaiteiros de Bergondo’.